E no verán que

¿E no verán que?

       Chegou o verán, a estación que estábamos esperando, e con el a pregunta que nos facemos todos os anos. ¿E agora que fago durante todo o mes de agosto que pecha o meu ximnasio?

     Todos os estudos que se veñen realizando sobre deporte e actividade física chegan á conclusión de que o descanso é tan ou máis importante que o adestramento. Por tal motivo, temos que ter claro que o descanso é obrigatorio.

      Pero non só debemos descansar o corpo (descanso físico) senón que tamén temos que descansar a mente (descanso psicolóxico). De aí a importancia das vacacións en calquera traballo. Descansar ben significa render mellor no futuro. “Desconectar” da rutina, do diario, do resto dos 11 meses do ano fai que, cando volvamos á rutina diaria, teñamos as “pilas” cargadas.

       Co descanso, os niveis naturais do noso corpo volven ó seu lugar e as fibras musculares recupéranse dos esforzos realizados nos adestramentos. Adestrar supón crear un estrés no organismo, chegando a romper fibras musculares e creando un cambio neuronal e hormonal que fai necesario o descanso para recuperarnos dese estrés e incluso superar os niveis anteriores creando máis fibras musculares e creando novas conexións neuronais.

     Tipos de actividades e descansos que debo realizar nas miñas vacacións:

  1. Descanso pasivo ou descanso total. Unha ou dúas semanas de descanso total. Nestas semanas dedicarémonos a intentar durmir ben e alimentarnos de forma saudable. Esquecernos dos problemas do resto do ano e gozar do verán. Como exercicios, podemos camiñar, montar en bicicleta, nadar e facer actividades ó aire libre, sempre de maneira moderada.
  2. Descanso activo. Nesta etapa, faremos actividades ó aire libre, se é posible ou en recintos cubertos, se o tempo no é bo. Buscaremos actividades lúdicas, en compañía ou en grupos. Podemos saír a rodar en bici en grupo ou xogar partidiños de fútbol, baloncesto, balonmán, rugby… etcétera. As actividades en auga tamén son moi recomendables. O que se intenta é facer actividades que non se fan habitualmente o resto do ano, buscando novas sensacións e estímulos en espazos naturais, aproveitando o bo clima do verán.
  3. Preparación a activación.Os últimos días antes de empezar de volta no ximnasio é recomendable facer exercicios de forma controlada e co propio peso corporal, como flexións, pranchas, sentadiñas, zancadas, etcétera Ademais de saír a correr ou facer exercicios aeróbicos.

Se seguimos estas pautas de descanso, recuperación, desconexión, activación moderada, realización de actividades “novas” en grupo e en espazos naturais, os excesos do verán quedarán no esquecemento e o corpo chegará no mellor estado (físico e psicolóxico) para afrontar unha nova etapa no ximnasio e conseguir superar, ano tras ano, os obxectivos dos nosos adestramentos. Animo e vémonos en setembro.

(Artigo de Rubén Cid Delgado. Licenciado en Ciencias da Actividade Física e o Deporte e monitor de Fitness do Pazo dos Deportes “Paco Paz”)